E logo non?

Algúns pensamentos perdidos nunha noite de luar

jueves, noviembre 29, 2007

371 días


Máis de un ano sen falar non é que atope pouco que dicir. Andan lonxe os tempos de composicións expontáneas e inocentes que berraban demasiado e non deixaban oir. Só dicirlles que voltou Jimy da man da Lúa e que procurará dende agora asubiar sinxelo para deixarse ver a quen saiba ler.
Benvidos de novo!

jueves, noviembre 23, 2006

San Martiño


O "Porco Killing Day" ten en común có insigne animal que del aprovéitase todo. Se a isto lle sumamos que a piara que se xuntou aló, polas terras de dominio dos condes de Siriega, debían de ser todos pata negra, a festa é rachada e das que non se esquecen... Gozou Jimy da comida, da bebida, das xentes; lanzouse ó cante tradicional e destrozou de igual modo os instrumentos musicais da terra. Só ten palabras de agradecemento cara os condes, señores feudais dos campos de ledicia e licor café, e toda a nobreza das xentes que alí conviviron coa excusa de sacrificar un cocho para o deus Breogán.

As imaxes e sons que alí recolleu Jimy quedarán para sempre na súa cachola. E cando xa parecía que non podería ser mellor, saiu a beber do aire da noite e atopou á Lúa tocando o tambor... Perfecto!

miércoles, septiembre 27, 2006

A droga


Xa canso de probalas case que todas e sabedor do perigo que traen, decidiu Jimy en proba-la derradeira. Aquela que fose a de sensación máis forte; a que fai camiñar polo ceo, coas nubes cando é de dia, e bailar coas estrelas cando é de noite. Aquela droga que ainda sen crear dependencia, desexes abrazarte a ela ata morrer.
Pero tal droga non parece existir.

E quedouse Jimy "enganchado" mirando á Lúa...

miércoles, agosto 23, 2006

O vrao



Xa logo acaba o vrao.

- Come máis!

- Non quero máis!

- Toma logo, que non comiches nada...

Hai veces que gañas pequenas batallas, pero de sobra sabes que a guerra está perdida. Sabías que si o desexabas con moita forza o vrao pasaría a se-lo máis corto da túa vida. Que si o miras con indiferencia, el poderá durar coma un paseo polo inferno. En calquera caso vaise... e eu era dos que te desexaban con desesperación.

O lado bon, que de agora en diante comerei o que a min me dé a gaña...!!!

viernes, julio 21, 2006

O Tabaco

Vou deixar de fumar... Voume comezar a cuidar... Mirar por min... Fumar perxudica gravemente a miña saude e a dos que están ó meu arredor... É sinxelo deixar de fumar se sabes cómo... O tabaco é depresivo. Consulta o teu médico... Fumar causa enfermedades no corazón...

Creo que vou prender outro pitillo mentres penso cómo deixarte de amar...

martes, julio 11, 2006

O mundo da voltas


Non sei cómo foi pero Jimy deuse conta de que o mundo vai ás veces máis rápido, ás veces máis a modo, pero no seu ritmo constante, vai case que sempre por diante na carreira. Pensou que o seu corazón partira a Sudámerica, e resulta que agora é el quen escapará por eses lares procurando non mirar atrás. Pasou de busca-la viaxe espiritual á mergullirse na espirituosa. E cando xurou que Adolfina non regresaría a terra do pracer, ela xa cabalgaba espida por unhos campos que parecen non ter dono.
Todo cambia cada segundo e o rumbo non parece ser máis constante que o propio tempo. A inseguridade da travesía ven desaconsellada polos avisos dos mariñeiros que ven feiticeiras onde o capitán ve sereas. Mentres dirixe a nave á procura do paraíso perdido, atracará nas illas de vellos piratas e tesouros ocultos.
Confia en que uns mariñeiros de pel de pedra polo salitre non atinen desta volta -sería a primeira vez- e que os buratos da fragata non sexan provocados polas feiticeiras e irremediablemente o condenen ó naufraxio.

- E se fosen de verdade sereas? Non merecería a pena só o intento?
- O fondo do mar está cheo de buscadores de sereas, capitán...

lunes, junio 19, 2006

A viaxe II

Ameazan cambios na vida de Jimy. Son xa varios meses de estabilidade, o que se converte dun modo paradóxico en algo inestable. Anda Jimy rascando na cachola coa idea de facer ese viaxe interior índose ó exterior, a outro planeta. Sempre tivo medo de achegarse á fronteira de Espíritolandia, pero acaba de xurdir a posibilidade. Quizais facer algo polos demais sirva para facer algo consigo mesmo. Quizais facendo algo consigo sirva para facer algo polos demais. O visado para Espíritolandia parece máis barato que nunca e ainda ten Jimy un par de follas libres por sellar no seu pasaporte. Por primeira vez anda a sentir que non lle faltará o aire ó visitar ise outro planeta que carece tanto de cartos coma lle sobra misterio. Quizais sexa a peor idea; quizais sexa a mellor. De momento só unha idea, que non é pouco...

O sexo

Xa marchou Adolfina, liberando así a mente confusa de Jimy despois de ter liberado o seu corpo. Curiosa a paixón que une e que sen embargo mantense tan distante. Bicos, caricias, cóxegas... Todas regaladas. Véndese barata a carne nos días nos que os sentimentos parecen fechados por vacacións. Pouco importa agora cantas mulleres puideron entrar na intimidade da sua cama; nada importa cantos homes posuiron a Adolfina. Esta noite só queren ser corpo. Ámbolos dous. A petición das suas almas. Ámbalas duas. Suor que se seca co asubiar da tristeza post-coitum. O soriso da sua cara recórdalle que non estivo tan mal abandoarse por unhas horas ás baixas paixóns. As arrugas do corazón lémbranlle que son moitas as horas perdidas nese abandono. Sol, fogo e lume na alcoba mentres a sua vista buscaba a Lua...